Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa
Os inicios de PalMed sitúanse no ano 2005. Naceu como complemento natural de MedDB, pois a experiencia no uso e explotación desta base de datos puxo enseguida de manifesto que era necesario complementala con outra que recollese as transcricións paleográficas dos manuscritos da lírica profana galego-portuguesa.
Os progresos tecnolóxicos acadados nas últimas décadas no ámbito das Humanidades Dixitais, unidos á destreza adquirida -primeiro, coa linguaxe de marcado SGML, e logo co estándar XML- no desenvolvemento de MedDB servían como garantía para levar a cabo un tipo de transcrición válido non só para meras consultas senón tamén para a realización de buscas complexas que anos antes eran case impensables. En paralelo á iniciativa do CRPIH, xurdiron, a nivel nacional e internacional, novos e moi diversos proxectos en rede que o equipo de PalMed tomou en consideración (de forma moi especial, os que se centraban en textos literarios medievais) para reflexionar sobre o seu marco teórico e sobre os resultados acadados, a fin de considerar aqueles elementos que mellor respondían aos obxectivos perseguidos pola base de datos que se pretendía poñer en marcha.
Na fase inicial de PalMed, un equipo coordinado por Mercedes Brea e configurado polos seus auténticos artífices, Antonio Fernández Guiadanes (coa colaboración de Xavier Ron), Carlos Sánchez e Fernando Magán Muñoz -que, lamentablemente, non chegou a velo realizado-, levou a cabo múltiples intentos de codificación do sistema de abreviaturas empregado polos distintos copistas dos códices. Esta tarefa tiña por finalidade que as abreviaturas non só puidesen ser visualizadas mediante UNICODE, senón que, ademais, recollesen en cada ocorrencia o valor concreto que os membros do equipo con competencias filolóxicas consideraban que lles correspondía, e que fose posible tamén realizar buscas a partir deses valores e non só do símbolo en cuestión.
A incorporación de Pilar Lorenzo Gradín á codirección de MedDB no ano 2014 serviu para dar o impulso definitivo ao desenvolvemento e implementación deste recurso, pois ambas as codirectoras (M. Brea e P. Lorenzo) deseñaron conxuntamente un proxecto de investigación que foi financiado polo MINECO (Paleografía, Lingüística y Filología. Laboratorio on-line de la lírica gallegoportuguesa, FFI2015-68451-P). Este logro permitiu contar coa efectiva colaboración dun equipo investigador cualificado, así como contratar temporalmente a Antonio Fernández Guiadanes, o investigador responsable non só da transcrición senón tamén do establecemento da etiquetaxe en XML, tarefas que realizou en estreita colaboración coa paleógrafa Susana Tavares Pedro e con J. Carlos Sánchez Rivas, informático do CRPIH e arquitecto da estrutura de información que soporta esta base de datos.
Ao longo dos anos, foron varias as persoas (ademais das xa mencionadas) que, de forma máis ou menos puntual -sexa en labores estritamente filolóxicas ou, sobre todo, de revisión, adaptación e axuste dos documentos en XML-, colaboraron na elaboración de PalMed, en particular J. Jorge Carballo, María José Folgar, Manuel Negri, Gerardo Pérez Barcala, Lucía Silva, Laura Torres e Martiña Varela, aos que o equipo do proxecto agradece o traballo realizado.