Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa
ISSN 2951-7028
Versión 3.0, 30 de xuño de 2026 (v2.0 25 de novembro de 2022, v1.0 18 de decembro de 2020).
PalMed é unha base de datos concibida para levar a cabo investigacións de ámbito paleográfico, grafemático, lingüístico e ecdótico sobre a lírica galego-portuguesa. Contén a transcrición paleográfica de todos os testemuños -a excepción dos descripti- da tradición trobadoresca, respectando a realidade do documento na súa complexidade.
As siglas empregadas para a identificación dos manuscritos foron establecidas en función de dous criterios: (a) empregar un único díxito (por este motivo, por exemplo, o Pergamiño Vindel, tamén coñecido como PV, pasou a ser N –pois, como se sabe, a biblioteca que o custodia, a Pierpoint Morgan Library, está en New York-); (b) evitar calquera confusión coas siglas dos códices que transmiten as Cantigas de Santa Maria (de aí que o fragmento Sharrer, que outros estudosos denominan T, apareza aquí designado coa letra D, en referencia ao autor das cantigas que conserva, Don Denis).
PalMed permite escoller, en primeiro lugar, dúas opcións de consulta (coa posibilidade adicional de pasar da segunda á primeira directamente): (a) contemplar a transcrición de cada un dos manuscritos, folio a folio -ordenados en liñas e columnas, coma no orixinal-, de modo que o usuario pode ir “pasando follas”, ou ben localizar un folio concreto e consultalo, coa opción de contrastalo coa correspondente imaxe dixitalizada; (b) facer buscas por cantigas a partir do sistema de identificación e das edicións de referencia empregados en MedDB, para acceder á transcrición textual ordenada por estrofas e versos e, de ser o caso, poder comparala coa ofrecida polo resto dos códices.
Nun segundo nivel, a base de datos ofrece unha serie de campos de busca, que se poden combinar entre si e que permiten visualizar os resultados completos, que ademais son exportables a CSV para facilitar o seu emprego en función das necesidades ou intereses do usuario. Recoméndase consultar as caixas de axuda de cada campo para coñecer mellor o seu funcionamento.
Neste nivel de buscas, existen tamén dúas modalidades: (a) unha que dá preferencia ás buscas textuais (nesta primeira versión, “texto” equivale a ‘secuencia de caracteres’) e para a que se abre un teclado virtual que contén todos aqueles símbolos empregados nas transcricións que non figuran nun teclado normal; (2) outra que se centra preferentemente nas marcas materiais ou de copia que poden aparecer nos manuscritos, desde manículas a ángulos delimitadores de refrán (recollidas nun despregable que contempla toda a casuística posible), e que permite tamén traballar coas abreviaturas (sinais abreviativos, abreviaturas por suspensión, abreviaturas por contracción), ademais de ofrecer un campo para os erros cometidos polos copistas dos apógrafos italianos no uso das abreviaturas.
Aínda que xa están en fase de desenvolvemento unha serie de melloras para a terceira versión (entre elas, a posibilidade de facer buscas textuais máis simples), o equipo de traballo agradece todas as suxestións que os especialistas lle queiran facer chegar para afinar a plataforma.
Como citar PalMed
Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa (PalMed) [base de datos en liña]. Versión 3.0 <http://www.cirp.gal/palmed>. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. [Consultada o: data da consulta] (ISSN 2951-7028).
Contacto
Se vostede encontra algún erro, imprecisión ou fallo no sistema de consultas e/ou nos datos facilitados, por favor, fáganolo saber a través do correo electrónico <argamed@cirp.gal>.
Cando teña unha dúbida, cómpre que recorra á información facilitada nas correspondentes caixas de axuda, que se despregan premendo nos enlaces habilitados ou pasando o rato enriba de marcas ou abreviaturas nos textos. No caso de que non consiga resolvela ou desexe facer unha consulta específica, pode escribir unha mensaxe ao enderezo anteriormente indicado.