O Dicionario Galego-Italiano parte sempre do que se considera normativo nas linguas galega e italiana no referente ao léxico. Contén información moi útil, entre outras cousas, sobre as características gramaticais (xénero, acento italiano, réxime verbal, uso, campos semánticos...), dándolle o máximo espazo á exemplificación, - unha das mellores maneiras de asimilar a lingua-, sen esquecer as palabras culturais, sinónimos, fraseoloxía, nin os datos e observacións necesarios para o uso correcto das dúas linguas. Toda esta información é accesible cunha simple procura: introducindo a palabra desexada, coa vantaxe de que pode consultarse tamén dende o teléfono móbil, a tableta, etc.
Este dicionario pretende encher un oco no eido da Lexicografía bilingüe: Contabamos co Diccionario Italiano-Galego (ITAGAL), en edición impresa (pódese consultar en pdf na sección de publicacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades-, e agora ofrécese a segunda parte Dicionario Galego-Italiano (GALITA), pero xa directamente en aberto vía online, o que significa, como é ben sabido, unha busca instantánea, de modo que a velocidade para atopar unha palabra é duns segundos. Ademais permite algo moi importante, unha actualización constante tanto na mellora das entradas coma na posibilidade de engadir outras.
O número de palabras recollidas en GALITA é de arredor de 18.000 -a nosa pretensión é chegar ás 20.000 voces-, e de preto de 37.000 acepcións, para o que se fixo unha selección moito máis ampla da feita en ITAGAL -case o dobre-, porque a escolla ten que responder á lingua de uso, recollendo as palabras máis comúns e, polo tanto, máis necesarias para o usuario, incluíndo tamén as voces de alta dispoñibilidade.
Ao facer a selección de entradas fundamentais e de uso corrente, procurouse manter o equilibrio entre elas. Como en toda escolla, hai que elixir e, polo tanto, renunciar, e iso fai, ás veces, necesario reducir ou aumentar as verbas escolmadas para acadar unha homoxeneidade, evitando descompensacións. Coñecendo o grao de afinidade entre o galego e o italiano, consideramos unha porcentaxe maior ou menor de termos e significados coincidentes á hora de proporcionar un equivalente na lingua de chegada.
Como é lóxico, seguimos as orientacións proporcionadas polos grandes dicionarios da lingua italiana (Garzanti, Zingarelli, Le Monnier (Devoto-Oli), Rizzoli (Sabatini-Coletti), ou o Vocabolario Treccani, un dos máis completos e prestixiosos de Italia, e os bilingües, en particular o Grande dizionario di spagnolo. Dizionario spagnolo-italiano, italiano-español de R. Arqués e G. Padoan, publicado pola Zanichelli (2020) en formato dixital. Por razóns que a ninguén se lle escapan, á hora de facer unha escolla das palabras máis comúns tivemos moi presentes os léxicos de frecuencia como, por exemplo, o Nuovo vocabolario di base della lingua italiana de T. De Mauro (2016) en formato dixital, e o Grande dizionario della lingua italiana da Accademia della Crusca (https://www.gdli.it/). Tamén, como é normal, ademais de tomar como referente o Dicionario da Real Academia Galega (https://academia.gal/dicionario), consultamos todo o material existente no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como por exemplo, as Bases de datos do Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) (http://corpus.cirp.gal/corga/), que comezou baixo a dirección de Guillermo Rojo ou o Dicionario de dicionarios do Instituto da Lingua Galega, a cargo de Antón Santamarina (http://ilg.usc.gal/ddd/).
Ademais dos xa mencionados, este dicionario bilingüe galego-italiano ten tamén outro obxectivo que nos parece fundamental: permitir ao usuario a asimilación da lingua “sen darse de conta”. Por exemplo, e precisamente porque somos conscientes de que o uso correcto das preposicións é unha das dificultades maiores do italiano, resulta máis doado ilo aprendendo pouco a pouco valéndose de exemplos ben escollidos. Un caso tan simple como: Hoxe a ferida da perna dóeme moito, mañá teño que ir ao médico e despois á farmacia, en italiano dise: Oggi la ferita SULLA gamba mi fa molto male, domani devo andare DAL ottore e dopo IN farmacia; O pan sabe a queimado, il pane sa DI bruciato; Veño de Roma, vengo DA Roma; traxe de baño, costume DA bagno; Vou á praia, vado IN spiaggia; o próximo mes irei á Toscana, il mese prossimo andrò IN Toscana; subir no autobus, salire SULL'autobus; lino no xornal, l'ho letto SUL giornale; bicáronse nas meixelas, si sono baciati SULLE guance, etc.
A microestrutura do recurso que se presenta agora (arquitectura da información e desenvolvemento) para completar a totalidade da obra foi elaborada cunha base de datos deseñada ad hoc para poder acceder en rede por José Carlos Sánchez Rivas, informático do CRPIH, pensando en resolver os obstáculos que poidan atopar os usuarios do dicionario.
Para a macroestrutura, tivemos presente, como é natural, a de ITAGAL, porque é un resumo que pode axudar aos usuarios a recordar a gramática italiana, fonoloxía e ortografía, morfoloxía, sobre todo, a conxugación dos verbos irregulares, que presentan unha maior dificultade na aprendizaxe da lingua italiana (vid.pp. 613-695).
Antes de tratar máis particularmente a estrutura do dicionario, quero agradecer a axuda fundamental de X.L Couceiro, así como a achega moi valiosa de M. Brea e a contribución puntual de Martina Brufani.
Como todo traballo humano é mellorable e perfectible, polo que agradeceremos todas as observacións que se nos fagan chegar relativas a grallas, erros ou dúbidas de calquera tipo.
Como citar GALITA
González Fernández, I.: Dicionario Galego Italiano (GALITA). Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades [Data da consulta].