Skip to Main Content

Información proporcionada por GALITA

As entradas do dicionario van estruturadas da seguinte maneira:

O lema galego; o lugar que deben ocupar as equivalencias segundo a importancia; a categoría gramatical; o lema italiano equivalente, indicando a sílaba tónica mediante o diacrítico "^" -o problema da acentuación en italiano é un dos máis complicados para un galego-; a categoría gramatical do lema italiano cando sexa diferente á do galego. Se se trata de verbos, o auxiliar que se emprega nos tempos compostos; o uso, cando non sexa recto e conveña suliñalo: coloquial, familiar, figurado, vulgar, pexorativo, etc; os sinónimos do italiano, tamén con acento; os exemplos nas dúas linguas, empezando polo galego, ilustrativos pero sempre reais e procedentes da lingua viva. A súa tradución pretende mostrar un modelo de adecuación e pon de manifesto a articulación sintáctica do italiano. Se, ao mesmo tempo, o exemplo serve para aprender outras particularidades da lingua que se descoñece, estamos contribuíndo ao noso obxectivo. Cando se considera oportuno, as frases feitas, e, se son importantes desde calquera punto de vista, as observacións pertinentes, como, por exemplo, os plurais irregulares.

Aínda sendo conscientes de que algunhas frases e expresións son máis propias do castelán, e por iso non veñen rexistradas no dicionario da RAG, recollemos algunhas moi habituais no italiano, pero moi diferentes, por poñer un exemplo -hai moitos-:

non importar un pito, non importare un fico secco;
non entender nin un pito, non capire un accidente;
quen moito enfeixa, pouco ata, chi troppo vuole, nulla stringe;
a cabalo regalado non lle mires o dentado, a caval donato non si guarda in bocca.

Polo que se refire ás chamadas palabras culturais, dentro das moitas posibilidades, eliximos poñer no lema italiano a explicación do termo e xa nos exemplos a mesma verba para o italiano que para o galego:

bica, torta di farina, uova e burro. Din que a bica mellor é a da provincia de Ourense. Dicono che la bica migliore è quella della provincia di Ourense.
botelo, grosso salume di carne di maiale bollita. Polo inverno gústame moito xantar un botelo. D'inverno mi piace molto pranzare un botelo.
muiñeira, danza popolare galega che di solito si balla in coppia. Cando era pequena ía a clase de muiñeira. Quando ero piccola andavo a lezione di muiñeira.

Permitímonos engadir ao corpus básico algunhas voces que, aínda que non aparecen neste momento recollidas no dicionario da RAG, son de uso común, frecuente ou resultan familiares a moitos galegos, como, por exemplo, para os falantes -coma min- de A Fonsagrada, o municipio máis extenso de Galicia, case todas recollidas no dicionario citado do Prof. A. Santamarina. Por poñer algún exemplo:

ao sumurgullo 'a escondidas' (di nascosto);
derramar 'estragar' (rovinare);
esforxar 'deformar' (deformare);
estrafelar 'escachizar' (fare a pezzi);
ribeirar 'revolver' (mettere sotto sopra);
tesbiñar 'causar escalofrío' (fare rabbrividire).

Incluso máis particulares, como por exemplo: fisguada 'punzada' (fitta); refalfiado 'persoa que ten de todo e despreza calquera regalo' (persona che ha di tutto e sprezza qualsiasi regalo), porque canto máis rico sexa un dicionario, resultará menos restritivo para os usuarios.

Trátase, en todo caso, de proporcionar a información necesaria dun modo concreto e sinxelo para comprender o significado da palabra descoñecida, sen facer unha descrición enciclopédica ou científica para especialistas, tarefa propia dos vocabularios e dicionarios especializados.