Skip to Main Content

Sobre BiRMED

A orixe de BiRMED foi simultánea á da Base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB), formando parte do proxecto Lírica galego-portuguesa dentro do Arquivo Galicia Medieval, ambas as bases de datos baixo a dirección de M. Brea. Nunha fase inicial, BiRMED rexistrou de maneira exclusiva traballos versados na produción lírica dos trobadores galego-portugueses, pero, a partir de 2006 (ano en que se presentou a versión 1.0), ampliou a súa área de especialización mediante a incorporación de referencias relativas ás Cantigas de Santa Maria e, desde 2009, tamén a unha ampla selección de textos da prosa literaria medieval (versión 2.0). Outra importante novidade da versión 2.0 consistiu en proporcionar un índice de citas, procedendo a un rexistro da bibliografía citada para aquelas contribucións aparecidas a partir do ano 2003 e rexistradas na base de datos.

A versión 3.0, publicada en 2022, incorpora, por unha parte, un novo sistema de buscas coa finalidade de guiar e facilitar a experiencia do usuario, grazas a unha nova interface que fai posible procurar información en distintos campos, de maneira combinada e con opción de escolla múltiple entre as palabras clave, sempre de forma sinxela e intuitiva. Por outra parte, esta nova versión inclúe outras novidades, como a disposición de rexistros enlazados, que concederán ao usuario a posibilidade de levar a cabo consultas cun maior dinamismo e flexibilidade. Así mesmo, incorpóranse rexistros específicos para as recensións de edicións críticas e monografías especializadas no ámbito da literatura medieval galego-portuguesa, como indicio de impacto da súa aparición.

Documentación

Palabras clave

Pode consultarse o elenco das palabras clave, aquí.

Identificadores dos nomes dos trobadores

Cada trobador é identificado mediante un número (do 1 ao 156), tomado da Base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB), que, á súa vez, foi adoptado do sistema estabelecido por Giuseppe Tavani no seu Repertorio metrico della lirica galego-portoghese, Roma: Edizioni dell’Ateneo, 1967.

Pode consultarse o elenco completo, aquí.

Identificadores de cantigas trobadorescas e Cantigas de Santa Maria

A numeración das cantigas dos trobadores baséase na utilizada na Base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB) que, con leves diferenzas, reproduce aquela do “Indice bibliografico dei poeti e dei testi anonimi” do Repertorio metrico della lirica galego-portoghese de G. Tavani. Para localizar cada cantiga, o código que cómpre introducir está composto por dous números separados por unha coma: o primeiro serve para identificar o trobador e o segundo corresponde ao número asignado á cantiga no conxunto da súa produción poética.

As Cantigas de Santa Maria identifícanse pola palabra clave “CantigaX”, onde X é o número correspondente na edición de Walter Mettmann (Cantigas de Santa Maria, Coimbra: Universidade de Coimbra, 1959-1972; Vigo: Xerais, 1981; Madrid: Castalia, 1986-1989).